Thursday 02 de May de 2024

Chega á Pobra unha nova edición do Campionato Xunta de Galicia de Marcha en Ruta


A Pobra do Caramiñal será escenario no 16 de xaneiro do XXXIII Campionato Xunta de Galicia Absoluto Masculino e Feminino de Marcha en Ruta, organizado pola Federación Galega de Atletismo (FGA), co patrocinio do Concello da Pobra do Caramiñal e a colaboración da Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza. As persoas encargadas de detallar como se vai desenvolver este evento deportivo foron a concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra); o responsable do sector de marcha en ruta da Federación Galega de Atletismo, Carlos Morales; e o presidente da Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza, José Moure.

No acto de presentación houbo palabras de agradecemento para as tres partes implicadas por facer posible que o municipio acolla por quinto ano esta competición. A edil manifestou que “esperamos que sexa da mesma calidade como vén sucedendo nas edicións pasadas, que espertou un gran interese.” Neste senso, Carlos Morales puxo en valor o nivel de participación e destacou algúns dos/as atletas que poden acadar o podio. E, pola súa parte, José Moure apuntou que “este quinto campionato que celebramos xa na Pobra dá a recoñecer que tivemos un acerto no seu día de homologar o circuíto.”

O dito circuíto habilitarase no tramo de fachada marítima comprendido entre a praza Alcalde Segundo Durán, onde se establece o lugar de saída e meta, e o peirao comercial. A cita arrancará a partir das 10.00 horas e contará coa participación de aproximadamente 140 atletas que deberán completar o percorrido que lles corresponda segundo a modalidade.

Os tres primeiros atletas clasificados das categorías sub-10, sub-12, sub-14, sub-16, sub-18, sub-20, sub-23, absoluta e as diferentes modalidades máster recibirán unha medalla conmemorativa do campionato.

No transcurso deste evento contarase coa colaboración da Protección Civil pobrense e será de obrigado cumprimento en todo o momento o protocolo sanitario FISICOVID-DXTGALEGO.